- A Policía Local recibiu unha chamada por unha caída o pasado martes. A persoa atendida quedou en perfecto estado logo de tres horas de servizo especializado prestado por auxiliares de Axuda no Fogar
A Concellaría de Benestar Social Municipal xa rexistrou o primeiro caso do Servizo de Atención Domiciliaria de Urxencia que atende a persoas que, por diversas circunstancias, precisan dunha asistencia sociosanitaria na súa casa en calquera momento do día.
A primeira destas asistencias foi o pasado martes. A petición da Policía Local asistiuse a unha persoa que ten problemas de mobilidade e caíra no seu domicilio; e os familiares que conviven con esta persoa non podían asistila pola súa idade avanzada.
No domicilio presentáronse dúas auxiliares que realizaron, durante tres horas, un servizo de atención, aseo… Todas as partes implicadas no servizo: auxiliares, Policía Local e os usuarios constataron o alto grao de satisfacción coa resposta, o servizo e a atención deste programa innovador e único en Galiza.
Cabe lembrar que o Serivzo de Atención Domiciliaria de Urxencia é unha necesidade de atención sociosanitaria detectada polos Servizos Sociais a partir dos informes da Policía Local que responde ás chamadas de auxilio destas persoas -case sempre de noite e case sempre de maiores- que viven sós ou acompañados de parellas de idade avanzada; ou persoas dependentes que non poden prestarlle a atención de carácter persoal ou doméstico imprescindible para que queden en bo estado de hixiene e seguridade e podan ter un bo descanso despois do incidente.
Deste servizo queda excluída a atención de carácter sanitaria xa que, de ser o caso, será a Policía Local a encargada de avisar a persoal sanitario cualificado.
O apoio sociosanitario e doméstico iníciase exclusivamente a instancias da Policía Local que require o servizo. Préstase por expertos en servizos de Axuda no Fogar que realizará un diagnóstico rápido das necesidades de atención da persoa e dará traslado a un traballador (auxiliar doméstico) no menor tempo posible. Faranse as atencións domésticas e persoais de xeito inmediato, asegurándose de que a persoa atendida queda en bo estado de hixiene e seguridade, intentando lograr o acompañamento por parte dalgún familiar ou coidador.
As necesidades de atención preséntanse de xeito imprevisto -incluso de noite- polo que o servizo poderá requirirse ás 24 horas do día dos 365 días do ano, garantido que o usuario quede en boas condicións de descanso.
O programa arranca cunha estimación de atención de 30 persoas ao ano e os servizos que se prestarán son:
- Aseo persoal e cambio de cueiros e roupa de vestido
- Cambio de roupa de cama e arranxo básico da estancia onde se atope a persoa usuaria.
- Apoio para deitarse ou levantarse da cama
- Preparación de alimentos e axuda a tomalos
- Facilitará o achegamento dos elementos da vivenda que proporcionen seguridade: teléfono, teleasistencia…
- Aqueles outros que se fagan precisos para facilitar a hixiene e seguridade da persoa usuaria
- O seguimento deste usuario correrá a cargo dos Servizos Sociais Municipais.