‣ Atende ás necesidades persoais e domésticas de persoas -case sempre maiores- asistidas pola Policía Local, case sempre por caídas fortuítas na casa e, maiormente, de noite
‣ Este apoio sociosanitario, gratuíto para os usuarios, iníciase exclusivamente a instancias da Policía Local
A Concellería de Benestar Social Municipal (BSM) activou esta semana o Servizo de Atención domiciliaria de urxencia que busca atender a persoas asistidas pola Policía Local a consecuencia de avisos por caídas fortuítas na casa. Esta atención domiciliaria propia dos Servizos Sociais e vinculada ao Servizo de Axuda no Fogar realizará tarefas de carácter doméstico e/ou persoal nos domicilios, de xeito puntual e inmediato.
É unha necesidade de atención sociosanitaria detectada polos Servizos Sociais a partir dos informes da Policía Local que responde ás chamadas de auxilio destas persoas -case sempre de noite e case sempre de maiores- que viven sós ou acompañados de parellas de idade avanzada; ou persoas dependentes que non poden prestarlle a atención de carácter persoal ou doméstico imprescindible para que queden en bo estado de hixiene e seguridade e podan ter un bo descanso despois do incidente.
Deste servizo queda excluída a atención de carácter sanitaria xa que, de ser o caso, será a Policía Local a encargada de avisar a persoal sanitario cualificado.
O apoio sociosanitario e doméstico se inicia exclusivamente a instancias da Policía Local que requirirá o servizo. Prestarase por unha experta en servizos de Axuda no Fogar que realizará un diagnóstico rápido das necesidades de atención da persoa e dará traslado a un traballador (auxiliar doméstico) no menor tempo posible. Faranse as atencións domésticas e persoais de xeito inmediato, asegurándose de que a persoa atendida queda en bo estado de hixiene e seguridade, intentando lograr o acompañamento por parte dalgún familiar ou coidador.
Calcúlase que a atención máxima será dunhas tres horas dende o momento en que se recibe a chamada de asistencia da Policía Local.
As necesidades de atención preséntanse de xeito imprevisto -incluso de noite- polo que o servizo poderá requirirse ás 24 horas do día dos 365 días do ano, garantido que o usuario quede en boas condicións de descanso.
O programa arranca cunha estimación de atención de 30 persoas ao ano e os servizos que se prestarán son:
- Aseo persoal e cambio de cueiros e roupa de vestido
- Cambio de roupa de cama e arranxo básico da estancia onde se atope a persoa usuaria.
- Apoio para deitarse ou levantarse da cama
- Preparación de alimentos e axuda a tomalos
- Facilitará o achegamento dos elementos da vivenda que proporcionen seguridade: teléfono, teleasistencia…
- Aqueles outros que se fagan precisos para facilitar a hixiene e seguridade da persoa usuaria
- O seguimento deste usuario correrá a cargo dos Servizos Sociais Municipais.